15/02/21
Tal e como avanzamos hai uns días, ReTnova colaborou co Concello de Ferrol na conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Esta colaboración materializouse na organización dunha xornada telemática co obxectivo de visibilizar a achega das mulleres no avance e progreso científico e de presentar modelos de referencia que estimulen o interese das nenas e das mulleres polas STEM.
Nesta xornada, que levou por título “Algoritmos para romper desigualdades”, participaron catro mulleres galegas científicas de referencia, que amosaron a súa traxectoria a través do relato das súas propias experiencias en diferentes ámbitos do eido científico: Ana Cebreiro (doutora en Economía, responsable de Tributación Internacional no Banco Mundial e académica correspondente na Real Academia Galega de Ciencias), María José Abad (doutora en Física, titular de universidade no departamento de Física e Ciencias da Terra e subdirectora da Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC), Elena Vázquez (doutora en Ciencias Matemáticas, profesora de Matemática Aplicada e decana da Facultade de Matemáticas da USC) e Rebeca Atencia (doutora en Medicina–Fisioloxía e directora do Instituto Jane Goodall Congo e do Centro de Rehabilitación de Chimpancés do IJG en Tchimpounga, Congo).
Ademais, na xornada tamén contamos coa participación do Alcalde do Concello de Ferrol, Ángel Mato, quen abriu e deu a benvida á xornada e da Concelleira delegada da Área de Muller, Igualdade, Xuventude, Minorías Étnicas e Normalización Lingüística, Cristina Prados, encargada da súa clausura.
Para ReTnova foi un pracer formar parte desta iniciativa e agradecemos ao Concello a confianza depositada no noso equipo!
Compartir en
C/República Checa nº40, Polígono de Costa Vella, 15.707, Santiago de Compostela, A Coruña
www.retnova.com · · 604 078 903·609 848 602
© ReTnova 2021